A SÚA
COLECCIÓN PRIVADA
Unha importante colección particular de arte inclúe obras de artistas tanto galegos como españois e internacionais: pintura, obra gráfica, escultura, cerámica, etc.
Unha listaxe que abrangue desde a escola española dos séculos XVI-XVII ata o século XX: Souto, Corredoira, Colmeiro, Bonome, Seoane, Maruja Mallo, Tino Grandío, Picasso, Dalí, Gregorio Prieto, Gómez de la Serna, Francis Bacon, Georges Braque, Matisse, Max Ernst, Zuloaga, Kustodiev…
Colección miscelánea de obxectos
Unha colección que reflicte un amor polo pasado. Gran parte da colección de obxectos están relacionados coas súas paixóns e inquietudes: o teatro, o ballet e a escenografía; o recordo da infancia; o gusto pola música, pola artesanía e polas tradicións populares de Galicia.
Desde o século XIX-XX: xoguetes, monicreques, cerámica, pipas, fotografías (tanto familiares como adquiridas para coleccionar), álbums, postais, partituras, etc. Así como un conxunto de elementos dos denominados ephemera; entre eles, bonecas recortables, cromos da paisaxe galega, tarxetas en celuloide, calendarios, programas de man, menús, carnés de baile, recordatorios, estampas devocionais, felicitacións de Nadal, vitolas, orlas, librillos de papeis de fumar, tarxetas despregables, postais bordadas, vistas estereoscópicas, películas infantís, debuxos para zoótropo, despregables, pai-pais, teatrillos de cartón de diversos tamaños, etc.
Indícase expresamente a importancia da colección de ephemera, xa que está composta por vistosos elementos que nos ilustran sobre as mentalidades, hábitos, formas, convencións e costumes da sociedade nun tempo concreto, dun xeito que normalmente non chega á documentación “formal” e, polo tanto, resultan moi interesantes ao achegar unha ollada diferente sobre o mundo.
Sinalamos tamén que descoñecemos a existencia en Galicia de coleccións e/ou pezas destas características; as maiores coleccións en España son a da Biblioteca Nacional e a do Museo Reina Sofía.









